mércores, 22 de xuño de 2016

SEN MÁIS... PORQUE NON ME GUSTAN NADA AS DESPEDIDAS

A RECOLLER AS AULAS!



Cando chega o fin de curso toca recoller as aulas, facer limpeza de todas aquelas cousas que se foron gardando por si acaso algún día se utilizarían para algo, mirar que materiais valen e cales hai que renovar... e deixar todo o máis recollidiño posible para que no verán o persoal de limpeza poda deixar ben limpiño todo para o próximo curso.
Neste caso, a profe non dispoñía deses días adicionais (posto que lle tocou ser membro dun tribunal de oposición ) e despois de levar xa un par de semanas recollendo cousiñas, hoxe quixo que lle axudaramos na tarefa, e como? pois moi sinxelo! Puxo plásticos nas estanterías a modo de cortiniñas (para que non collan tanto polvo as cousas no verán) e nós as decoramos para darlle un pouco de colorido á clase que agora está superbaleira.
Agora queda a aula tamén de vacacións ata setembro que volveremos a ela cargadísimos de enerxía positiva.

FESTA E MÁIS FESTA!!!!



Hoxe, como non podía ser doutro xeito, a despedida do cole e benvida das vacacións para os peques foi por todo o alto. Unha festa na que non faltaron hinchables, música, obradoiros a cargo de papás e mamás da ANPA Picapeixe (maquillaxe, globoflexia), obradoiro de autoretratos, obradoiro de decorar as camisetas... todo, houbo de todo.
E foi todo un éxito!!! Os peques quedamos con gañas de mollarnos un pouco pois viamos dende a nosa clase o fin de festa dos maiores, e de boa gana nos apuntabamos ao seu plan: festa da escuma!!! Pero todo se andará! en breves os pillaremos e tocaranos a nós mollarnos e aos peques daquel momento mirar ;-)

CALUROSO PRIMEIRO DÍA DE VERÁN E MERENDA NA PRAIA

Onte, un dos días máis calurosos que tivemos ata momento, aproveitamos para achegarnos á praia, que ben preto a temos :-), e xogamos e merendamos  alí.
Pasámolo bomba!!!
E atopamos tesouros (como non!)
Un deles foi un escornabois (cervo volante) que tamén estaba aproveitando para dar un paseiño pola area.
Deixamos ben claro que nos encanta a natureza, e observámolo moi de preto e algúns valente aínda se atreveron a collelo cun pauciño.
Mirade, se non o credes:



Un bo xeito de festexar a chegada do verán, non credes?

sábado, 11 de xuño de 2016

FESTA CIENTIFICA E REFRESCANTE

O venres, por fin, despois de meses e meses carteándonos con Pitagoriño e facendo os experimentos que nos propoñía... o coñecimos!!!!!
Pasámolo bomba vendo como facía pompas xigantes (cun brebaxe que el mesmo preparou nas probetas) e tamén probando a facer pompas cos pompeiros que nos agasaiou, e con distintos materiais que había polo seu laboratorio (coladores, arames...)




FESTA COLECTIVA



Aínda nos queda un cumpreañeiro, porque Ricardo o venres non puido vir ao cole e faremoslle a festa o martes (xa que o luns en Cedeira é festivo).
Pasámolo moi ben compartindo tarefas e sobre todo, sobre todo... soprando xuntos para apagar a veliña do Sol.

FALTA POUCO PARA QUE SE CONVERTAN EN BOLBORETAS


Estes días, despois de moito comer e comer sen parar, estamos vendo coma os nosos vermes de seda van facendo o seu capullo ou crisálida.
Nun días veremos aúltima transformación que farán: convertirse en bolboretas. Estade ben atent@s!

mércores, 8 de xuño de 2016

MIRADE O MEU EQUIPO DE AGRICULTOR@S ECOLÓXICOS!!!!

A que están auténtic@s? é que con todo o que traballaron neste trimestre merecían gañar con creces meterse de cheo no papel que moi, moi ben fixeron neste proxecto de investigación.
Coidamos animais e plantas, buscamos información, compartimos tarefas...



O LUNS TIVEMOS UN ANIVERSARIO EN PARELLA

Tocoulle a quenda a Juanmi e a Andrés, que como poderedes ver nas fotos, moito máis crecidos que cando chegaron en setembro. Hai que ver como pasa o tempo! Parece que acaba de comezar o curso e xa estamos na recta final... ánimo peques, que xa non queda nada!!!

sábado, 4 de xuño de 2016

O VENRES FÓMONOS DE CONCERTO!!!!!

Síiiiiiii!!!! Guadi Galego veu a cantarnos cancións de flores (pois as estivemos a traballar en moitas aulas de infantil), e aproveitando que viña á clase de Tiago a cantar... ao final, fixo un concerto para todo infantil.
Pasámolo xenial!!!!
E o mellor de todo foi que tamén Tiago nos amosou as súas dotes musicais, non podía ser doutro xeito, rodeado de música por tódalas bandas, ten unha paixón xa de pequeniño polos instrumentos musicais que é unha pasada.
Mirade:



Moitísimas grazas polo concerto, e por ensinarnos tantos instrumentos musicais!

OS MAIORES A FACER PADEL SURF, KAIAK... E NÓS DE MIRÓNS!!!!

A semana pasada aproveitamos para facer unha escapadiña pequena á praia (xa que a temos tan preto, hai que aproveitar calquera ocasión) e mentres os maiores estaban practicando deportes na auga, nós dende terra os mirabamos, e tamén, xa de paso, buscamos e atopamos algún que outro tesouro (cunchas, pedriñas, paus...)


FESTEXANDO MÁIS ANIVERSARIOS

Desta vez tocoulle a quenda a Carla, que xa ten 4 aniños.

Pero estade atent@s porque o luns seguiremos con outros dous... e o venres festexaremos tódolos aniversarios do verán e de inicio de setembro (que ao estar no período de adaptación, non os festexamos aínda).